Entre dous mundos

O historiador grego Diodorus Cronus relata como o rei persa Dario I podía enviar as súas novas da capital ás provincias do imperio, por medio dunha liña de homes que berraban colocados en alturas. Desta forma, usando a voz humana, podíase chamar a filas a tódolos guerreiros en menos de 3 dias.  Este sistema arcaico resolvía as necesidades de telegrafar  ou “escribir a distancia”, superando 30 veces en rapidez de emisión aos corredores.

 

Este modelo de transmisión mecánico-humano foi dos primeiros para a emisión de mensaxes a distancia. O envío de novas foi unha das necesidades que sempre presentou a diáspora, empregando múltiples recursos como: telegramas, envíos postais, avisos a veciños ou chamadas a radio, co único fin de estar en contacto cos seus e manter día a día o desexo e o soño de retornar.

 

Na actualidade, coa chegada da internet e as computadoras e o emprego das tecnoloxías da información e a comunicación, e, por medio do contacto directo nos cyber’s e  locutorios ou mesmo, a través do envío de remesas de diñeiro, os emigrantes fanse presentes na comunidade de orixe, participando activamente nas relacións diarias, empregando internet, o teléfono, lendo xornais, vendo a televisión, etc. As ferramentas das TIC’s convertese para moitos a única posibilidade de sentirse no e do país, posto que o espazo non importa, a comunicación é instantánea, cun formato que permite a construción dunha “realidade virtual”, composta de cámaras dixitais, envío de arquivos gráficos, sonoros, vídeos que lles permiten dar a coñecer a súa experiencia ao seu grupo de pertenza; ao seu país.

 

As redes sociais e a web 2.0 non soamente desempeñan unha función importante na transmisión da cultura galega e consolidación dunha comunidade galega global, senón, tamén, son útiles para denunciar e resolver crises, como puido ser recentemente a xestión hospitalaria do Centro Galego de Bos Aires. Para que todas as aplicacións sociais e o mundo 2.0 non sexan unha utopía, precisan que a comunidade galega global participe, tendo, deste xeito, efectos positivos coma o incremento da dinámica intercultural, o enriquecemento e a democratización da transmisión da cultura, para o cal é fundamental o impulso de sitios como o laboratorio de ideas GalegoLab, o portal Chuza! (de novas galegas, que emprega un control non editorial, non xerárquico) ou o conxunto de blogues rexistrados noBlogomillo, entre moitas outras iniciativas.

 

Outro foco de actuación son as administracións públicas que, a día de hoxe, teñen por anecdótica a existenza de servizos e procesos de forma dixital. A implatación da «e-administración» permitiría aos cidadáns e, sobre todo, aos “ausentes” dispor de servizos máis áxiles, eficaces, transparentes e ter unha oficina de axuda as 24 horas do dia, 365 días ao ano.

 

A existenza de canles virtuais, foros, ferramentas de decisión coma os referendos electrónicos serán útiles para a o proceso de análise e razoamento da esfera política, ou, incluso, na xestión do goberno para acercalo á cidadanía. Serían pequenos pasos cara a construción dunha democracia deliberativa, que trataría de reinventar desafíos de participación e liberdades sociais novas, que permitan rexenerar o debate e renovar as aspiracións dos dereitos da cidadanía.

 

O desenrolo das novas tecnoloxías nos diferentes campos facilita a construción de espazos transnacionais, que son determinantes no reforzamento dos lazos e lugares da cultura galega na aldea global, e a ruptura das fendas sociais e territoriais a través da creación dun escenario de igualdade de oportunidades na Sociedade da Información. A identidade do cidadán permanecerá entre dous mundos: o real e o virtual.

[wp_ad_camp_1]

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.